Familia. Corda fretada
Como é?. É un instrumento de gran tamaño. Os seus elementos principais son: caixa de resonancia (con forma de 8 con escotaduras, normalmente ten ambas as tapas planas nos modelos máis primitivos), cordas (os modelos máis antigos utilizaban dúas cordas. Os máis comúns (do século XII) dispuñan de tres cordas: unha melódica ou cantante e dous drones colocados sobre unha ponte común, coas que se obtiñan simultaneamente a melodía principal coas dúas voces acompañantes. Os drones producían un son grave e profundo), manivela, cordal, ponte, roda (innovación mecánica introducida nos instrumentos musicais medievais. Xira mediante a acción dunha manivela e freta as cordas, xerando un son continuo), teclado (O organistrum que aparece representado no Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela ten doce teclas), caravilleiro, mastro e cella.
Organistrum |
Historia. O organistrum aparece en Europa no século XII; aínda que algúns musicólogos consideran que xa existía no século X. En canto a súa orixe pode ser árabe ou mesmo máis antiga: exipcia.
Debido á súa complexidade mecánica e dificultade de execución, foi considerado o instrumento musical culto por excelencia de ampla difusión na contorna relixiosa da época medieval, como o demostra o feito de que aparece representado en multitude de manuscritos e nas catedrais románicas máis importantes da época.
Ao longo do século XIII evoluciona facéndose máis pequeno e manexable por unha soa persoa, co que comeza a utilizarse tamén no ámbito profano. Un menor tamaño e peso facilitaba o transporte e o teclado pasou a utilizar teclas pulsadas, en lugar das de tracción.
Ao evolucionar orixina dous instrumentos: a "viola de roda" (contiña a caixa de resonancia, roda e manivela; pero non teclado) e a "sinfonía" (forma rectangular, contiña o teclado, a roda e a súa manivela). Ete último instrumento considérase o antecesor directo da zanfona.
Curiosidades. A palabra organistrum é unha contracción dos termos latinos "órganum" (unha das primeiras formas musicais contrapuntísticas da historia), e " instrumentum" (instrumento).
Audición: